lunes, 3 de marzo de 2008

Bota un aturuxo!

O aturuxo é un berro típico do folclore galego que se bota nun intre dado dunha peza musical, ben polos músicos ou ben polo público. Con el tenta amosarse a ledicia, a festa que un sinte por dentro. Gústame o aturuxo por salvaxe, por libre, por berro, por non ser unha palabra que perderá o seu sentido, por ser a expresión da ledicia que un sinte e non sabe como explicar, e nós o facemos así: cun berro.
O outro día Sita falaba das "labradas", eu escoitaba con atención as suas explicacións e aquilo era mellor que ver unha película no cine -o cine que tanto boto de menos...-, falaba de como as mulleres xuntábanse para traballar a terra e de como no medio da faena unha botaba un aturuxo e outra lle contestaba, e outra tamén,... e eu lembrei un momento moi especial entre mulleres saharauis: estaban cantando unha canción do seu pobo e unha das mulleres que escoitaba botou un berro similar ó cantar dun paxaro, e outra contestou, e unha das que cantaba tamén, e outra das que escoitaba, foi coma unha conversa entre merlos e xílgaros. Eran aturuxos "á saharaui". Mulleres de foliada, mulleres a traballar no campo, mulleres cantándolle ó deserto: mulleres felices!
O vindeiro 8 de Marzo celébrase o día internacional da muller, desexo que os berros de dor se transformen en aturuxos de felicidade.
Bicos a todas!

1 comentario:

Unitaria de Vide dijo...

eu cando escoito aturuxar sempre me lembro da miña sogra. Para ela aturuxar era o xeito que tiña de expresar a súa alegria. E cando tiña a toda a familia con ela ó redor da mesa, no medio das conversacións aparecía o aturuxo de Amparo.