Este neniño pequeno,
quen o vai aturular?
Súa nai vai no muíño
e seu pai vai traballar. Ea.
Este neniño pequeno,
quen lle vai a da-la teta?
Súa nai vai no muíño
e seu pai na leña seca. Ea.
Este neniño pequeno,
Heino de aprender a todo:
a amasar, a peneirar
e a bota-lo pan no forno. Ea, ea.
Este neniño pequeno
heino de mandar á escola;
heille de comprar un bombo
e mais unha castañola. Ea, Ea.
Este canto de arrolar escoiteino hai moito tempo e hoxe recupereino para adicarllo a tódolos pequenos e pequenas e a tódalas nais e pais e tamén para contarvos unha curiosidade: sabíades que o fluxo sanguíneo e os latidos do corazón do bebé mentres está no útero teñen un ritmo ternario, igual que a muiñeira? Cando estabamos no útero materno o noso sangue, o noso corazón ía a ritmo de muiñeira, pero sen repenique, claro. Vai ser por iso que lle damos mais xeito á muiñeira que a jota...
No hay comentarios:
Publicar un comentario